A cooperativa de O Val enviou fai uns meses as últimas modificacións para optar ao recoñecemento
A sección comercial reforzouse para promocionar o seu produto estrela, o pemento do Couto.
O pemento do Couto, "medra cara arriba e non pica nunca”, asegura un experto, Andrés Núñez, vinculado moitos anos á produción da especie de Padrón e hoxe Xefe de Servizo de Produción Agraria Sustentable e Sanidade Vexetal de Medio Rural.
Nada mellor para falar do Pemento do Couto como o pregón de Andrés Pena Graña, con motivo da Festa do Pemento o día 31 de xullo de 1995 a modo de conto, que resumimos aquí:
“O conto di o seguinte:
Hai moito tempo chegou ó mosteiro do Couto ou de San Martiño de Xuvia un visitante ilustre (alguén dixo que era un bispo) e, claro, o señor prior agasallouno todo o que puido, dentro dese agasallo estaba darlle a ese visitante unhas boas enchentas a base dos mellores produtos das nosas leiras, de carne de porco, de bo viño da terra e de larpeiradas varias das que se facían desde antigo no mosteiro. Pero ocorreu que acompañando unha destas comidas (un guiso ó parecer) estaban pementos, e disque ó comelos o visitante se contrariou dabondo porque picaban.
Xa vos podedes maxinar a tristura do prior do Couto. Todo o que el fixera para ter contento ó persoeiro en cuestión non valera para nada por culpa do picor dos ditosos pementos. Tiña que facer algo e a súa preocupación era tanta que, segundo algúns veciños, de noite soñou conque San Martiño lle dicía que volvese chamar ó persoeiro e que lle fixese outra vez o guiso; así o fixo e os mesmos pementos de antes agora xa non picaban, sendo aquel un día de moita festa no mosteiro.
Esto, repito, era o soño do prior, pero, se fora certo, xa sabedes que os pementos do Couto non pican debido a un milagre de San Martiño.
Pero tamén hai quen remata o conto doutra maneira, dicindo que o bo do prior, dedicouse en corpo e alma os anos seguintes a estudiar as variedades dos pementos e a cruzar uns con outros ata que, por fin, deu cos pementos que non picaban, cultivounos unha e outra vez e desfíxose para sempre das variedades que picaban. Estariamos, por conseguinte, no caso dun antecedente do abade austríaco Gregor Mendel (1822-1844) que estudiando as formas híbridas do guisante oloroso e publicando os resultados no 1865, enunciou nada menos que as leis fundamentais da Xenética, cousa que se lle recoñeceu moito tempo despois, a comezos do s. XX.
Por todo o dito, sería perfectamente posible que en visitas posteriores o ilustre visitante se sorprendese do bos que estaban os pementos e de que non picase ningún.
Claro que todo esto son contos, lendas, mitos que conserva a xente, pero agora veñen os historiadores e investigan a fondo estas cousas, chegando a conclusións máis finas.
Un deles, don Manuel López Bouza, escribiu que, efectivamente, despois de que o visitante se indixestase cos pementos que picaban, o prior pediulle axuda a San Martiño para que non picasen, pero di o noso cronista que o conseguiu soamente “ó cabo de moito tempo e esforzo”, reforzando a idea dos traballos de hibridación de que falamos. E tamén nos di logo Andrés Pena que cre que o visitante ilustre era o Padre Sarmiento na súa viaxe por Galicia, que visitou o noso mosteiro do Couto dúas veces, no 1745 e no 1755, e que o prior era un tal Felipe Colmenero.”
“…Tedes o mellor pemento do mundo. Non me estraña que a seguranza de que non piquen sexa tanta que corra unha segunda lenda entre vós que di que o día que un dos pementos do Couto pique, acabarase o mundo…”
Tedes o pregón completo en: Pregón da Festa do Pemento